SINOPSIS

As historias que contamos xa habitan na imaxinación dos espectadores, no seu inconsciente. O espectáculo comeza cando se abre a billeteira, coa compra da entrada por parte do público, incluídos nel os actores, que máis tarde ocuparán a súa butaca como o resto, a que lles toque. Somerxeranse na escuridade absoluta – na física e na da súa mente – ata que un sector do escenario quede alumado. Esa luz evocará na cabeza dos actores, agora Contadores, o conto que queremos contar, que eles desexaban contar desde hai moito tempo sen saber que tamén era seu. Sairán a escena cando sintan a necesidade de contar esta historia doméstica dun individuo, os seus pais e a súa filla.           

Os personaxes misturados vanse diferenciando a medida que toman conciencia do seu pasado e da súa vida coa recreación dos recordos e os soños presentados polos Contadores, espectadores coma ti e coma eu, que asisten a toda a obra aínda que non estean no escenario, e falarán do XOGO entre pais e fillos – que é a forma de relacionarse e medrar que teñen os nenos, de madurar xunto ás súas referencias, de aprender a recoñecer as emocións e a expresalas – e da súa ausencia e as súas consecuencias: o estancamento madurativo, a inseguridade nas relacións, o aillamento persoal e, finalmente, o SILENCIO.

            Falarán da PARÁLISE que asolaga a vida cando o xogo cos pais cesa, interrómpese ou, simplemente, nunca chegou a existir. Entón, os desexos propios agóchanse medorentos, temen expresarse, pois parece que o xogo é nocivo e perigoso e, tamén temeroso, ocultarase para se converter nun acto clandestino, en masturbación compulsiva. Se encarceramos os desexos e o INSTINTO con eles, a vida párase e aparecen a DESMEMORIA – non se recorda aquilo que non ten interese – e o RIDÍCULO – pola desconexión da REALIDADE, da esencia humana, animal, que ocasiona situacións e actos absurdos, inútiles. O froito do XOGO é A VOZ PROPIA, A FERRAMENTA QUE FAI POSIBLES OS DESEXOS.

            Só a CONCIENCIA, a reconstrucción da historia propia, coa palabra e as sensacións, revivindo as emocións de entón, consegue paliar esas carencias. Só así podemos saber que nos faltou e que nos falta e perderlle o medo. A miña filla tiña medo do porco bravo ata que viu como fuxía de nós nun paseo polo monte. A CONCIENCIA, NUN INEXPLICABLE XIRO DE 360 GRAOS, SIRVE PARA LIBERAR O INSTINTO E FACELO VISIBLE.

            É un espectáculo nado do COTIÁN, SEN ESCENOGRAFÍA, SEN AFORAMENTO, SEN VESTIARIO, A CORPO E ALMA DESCOBERTOS. Poucas palabras mais un gran protagonismo da voz. É un conto sobre o nacemento da VOZ, sobre a súa búsqueda e liberación, acompañada por toda a EXPRESIVIDADE que nos asiste cando, tras obviar os desexos, nos topamos co ridículo.

            UNHA TRAXICOMEDIA (a vida empurrada pola risa) DE CARNE E ÓSO, DE BATA E ZAPATILLAS.